Presentación da Colección MULLERES BRAVAS DA NOSA HISTORIA

Reservar oco na axenda para o Venres 28 de Abril ás 19:00 horas, porque preséntase a colección Mulleres Bravas da Nosa Historia, de Urco Editora.

Estarán connosco; Eli Ríos, autora dun dos volumes, Eva Agra, ilustradora da colección,  e Andrea Jamardo de Urco Editora.

A colección Mulleres Bravas da Nosa Historia é unha colección de libros infantís orientados a dar a coñecer unha serie de mulleres exemplares da historia da Galiza aos públicos máis novos.

O primeiro volume esta adicado a Rosalía de Castro, dende a editora Urco preséntannola así:
Esta é a historia dunha  nena que brillaba no silencio da noite…É a primeira das nosas Mulleres Bravas, a benquerida e admirada Rosalía de Castro.
Se abrides este libro poderedes facer un percorrido pola súa nenez, as súas mudanzas vitais, coñeceredes as súas amizades e familiares, e sobre todo, seredes partícipes dos seus comezos literarios, eses que a converteron na poeta máis senlleira de Galiza. Mais non faredes esta andaina en soidade, senón na compaña da Lucecú que viviu a carón de Rosalía durante todos os anos da súa vida, compartindo ledicias e épocas de menos luz.…porque onde máis negra é a sombra é onde mellor se ven as estrelas.

 

O segundo volumen esta adicado a unha muller menos coñecida, María Victoria Morenodocente, editora e escritora. Dende a editora Urco preséntannola así:
E se non existisen contos nos que as nenas son as protagonistas? E se esas nenas non falasen a túa lingua? Cando María Victoria Moreno, muller brava imprescindíbel, fixo estas preguntas e as respostas excluían as rapazas, decidiu que sería ela quen as escribiría. María Victoria Moreno deulle voz ás personaxes femininas desde o agarimo, a solidariedade, a sororidade e un profundo amor á lingua galega. Tal como ela era: divertida e cun compromiso que superaba as condicións nas que lle tocou facer literatura. Brava e imprescindíbel onde as haxa, María Victoria Moreno.

 

Alén de contar as biografías das protagonistas, os libros contan con actividades para realizar coas cativas e cativos e cronoloxía, todo para axudar a valorar a achega das protagonistas á nosa cultura e ao noso país, ás veces ocultada polo feito de seren mulleres.
¿Ides perder a oportunidade de coñecer a estas mulleres bravas?. Sabemos que non. Así que, quedades convidadxs a gozar dunha tarde de aprendizaxe,cos cativos e cativas, VINDE COÑECER, A ESTAS MULLERES BRAVAS.
A idade recomendada para a presentación/ contacontos é a partir dos 4 anos.
Lembrade ás sete da tarde, o venres 28 de abril, Mulleres Bravas da Nosa Historia.